20/5/10

Xéneros textuais: carta a un banco

Na procura da comprensión lectora existen algúns conceptos que poden resultar moi útiles. Un deles é o concepto de xénero discursivo. Todo profe coñece e utiliza - con maior ou menor frecuencia - algún destes xéneros para que o alumnado exercite a súa comprensión e mesmo practique a expresión escrita. Algúns xéneros poderiamos consideralos xa como clásicos na didáctica das linguas: a carta, o conto, unha receita de cociña, un lema... incluso hai moitos xéneros que adoitamos solicitar sen - as veces - ter ensinado a facer, tales como esquemas, resumos, cadros, sínteses... ou o máis habitual de todos os xéneros, e o que ten un significado máis difuso: o "traballo" sobre... A quen non vos teñen pedido: Faime un "traballo" sobre... un libro, un autor, un tema concreto, unha cuestión de actualidade, eu que sei, é un concepto amplo.

- Que demo é un traballo sobre...? En que consiste? Como se fai? Que apartados ten? Que extensión? En que centrar a atención? Non podemos entrar na wikipedia e colleitar un feixe de parágrafos chulos e adornalos cunhas ilustracións vistosas? Por que?

Traballei nun colexio no que o alumnado recollía receitas tradicionais do seu entorno e escolliamos a máis apetecible, e - o que é máis importante - despois preparabámola e degustabamos o resultado. Hai dous ou tres postres no meu persoal repertorio que aprendín froito daquelas experiencias.

E hoxe enviáronme esta carta. Unha carta para o banco.

Que achego como un bo exemplo. Ou como unha boa proposta para animar a escribir.

Moi señores meus: 


Pola presente lamento comunicarlles que teño decidido pagar un 5% menos no recibo mensual da hipoteca que teño co seu banco. Foi una decisión difícil pero éme imprescindible recortar gastos para salvar a miña economía particular e mesmo reducir o meu déficit. 


En situacións coma esta é cando todos debemos arrimar o ombreiro polo que lles pido comprensión e solidariedade. 
Eu, coma o resto de cidadáns, colaborei no seu día na inxección de liquidez que recibiron vostedes para salvar o sistema financieiro.


De feito, vinme forzado a tomar esta decisión porque os meus pais, ao ver o saldo da miña conta corrente, temen verse na obriga de deixarme cartos e vostedes, como banqueiros que son, saben mellor que ninguén que non ten senso algún poñer capital se non é para conseguir pingües beneficios. 



Iinformeime e sei que é lícito tomar este tipo de decisións de xeito unilateral e sen previa negociación (Hai precedentes; ver declaracións do Presidente do Goberno no parlamento o pasado 12 de maio). 


Aproveito a ocasión para comunicarlles que xa dispoño de suficientes tixolas e non preciso que me agasallen con ningunha máis. 



Atentamente, 


Un funcionario hipotecado.

No hay comentarios: