19/12/11

Comprensión lectora. Conceptos clave

No colexio de A Rúa, en Cangas, estableceron para este ano un tema clave "a mellora da comprensión lectora". Chámanlle ao seu proxecto "Leo, leo... que les?" e mesmo eles e elas (os/as profes) quixeron formarse e investigar, recordar, debater, refrescar e experimentar.

Tiven a a sorte de que me invitasen a acompañarlles nunha xuntanza de traballo. Utilizamos esta presentación para falarmos dalgúns conceptos importantes (mesmo discutibles) que haberán de traballar neste grupo de traballo de profes entusiastas.


15/10/11

Como inserir multimedia nunha entrada do blog

Din que unha imaxe vale máis que mil palabras. Daquela, un fragmento de vídeo que pode valer? Imaxe e son, e movemento...
En fin, sexa cal sexa o seu valor exacto, de certo que podemos engadir valor aos nosos textos dixitais mediante algúns elementos multimedia.
Poñamos un exemplo:
Como poderiamos explicar o que é un fonema, o seu valor de contraste, mellor que visualizando este anuncio publicitario: El Castor!

Como crear unha ligazón (hiperenlace, vencello...)



Un texto dixital posibilita a lectura discontinua. É moi frecuente que os textos dixitais incorporen un recurso chamado "ligazón" ou hiperenlace, que consiste en que unha determinada parte do texto (unha palabra, unha frase, unha imaxe, etc) é unha porta que se abre.

Convén que te afagas á técnica de crear vencellos nos textos dixitais. É moi doado. Consiste en seguir estes dous sinxelos pasos:

1) Selecciona a parte do texto que queres transformar nunha ligazón.
2) Preme - no menú superior - na palabra enlace (ou na icona con forma de cadea ou lazo). Abrirase unha ventana onde debes escribir a dirección web (URL) á que queres dirixir ese enlace*.

* Quizais, para que che sexa máis doado, podes ter copiado previamente esta URL para así poder pegala e non cometer erros.

E xa está. Traballo feito.





20/05/11

Competencia comunicativa

Máis que lingüística, plurilingüe; máis que verbal, tamén non verbal
A competencia comunicativa atinxe a aspectos múltiples: á escoita, á fala, á escrita e tamén á lectura, ao diálogo, á convivencia, á construción do pensamento, á regulación das emocións, do comportamento persoal e tamén social; é o vehículo da aprendizaxe, da transmisión cultural.
Como non vai ser unha das oito competencias básicas. É A competencia Básica!
Tratamos máis polo miúdo esta competencia nun blog que chamamos TILgalicia (TIL son as siglas que corresponden ao Tratamento Integrado das Linguas). Visítao; ademáis de múltiples cuestións de interese arredor deste asunto poderás consultar o MCER (Marco Común Europeo de Referencia) para as linguas e múltiples documentos acerca de metodoloxías que favorecen a competencia comunicativa. Tamén verás ligazóns a bitácoras de relevancia neste eido educativo tan actual.
Agardo que atopes referencias interesantes. E - por certo - gustarei de saber da túa opinión e recomendacións para enriquecer o contido deste blog.

17/03/11

Vencellos

Para que vimos á escola? Para ser felices.
Así comeza o curso.
Este documental, ademáis de emocionante, resultou para min un fermoso recordatorio. Ás veces coido que ficamos tan ocupados no accesorio que perdemos de vista o esencial. Se estás interesado na didáctica da lectura e da escrita; se acaso queres explorar as emocións; mesmo a metodoloxía de proxectos; en fin, se che interesa a educación, dedícalle uns intres a este documento. Non o esquecerás.
(Este vídeo é o primeiro de cinco partes, disponilbles coma esta en youtube)

16/03/11

Xéneros textuais: que son

Esta é unha presentación de Felipe Zayas - un referente na didáctica da lingua - sobre o concepto de xénero textual. Coido que pode axudar a delimitar este concepto de tanta importancia á hora de aprender e de ensinar a ler, e a escribir.

21/02/11

Obradoiro de Poesía: propostas de actividades


Nesta ligazón tedes todas as propostas que levamos para traballar na sesión do día 17:



Lugares visitábeis de onde recollimos propostas e podedes encontrar máis:

Nesta outra ligazón, a teoria que tedes que estudar:

20/02/11

A escribir apréndese... escribindo; e a bailar...


- Teño medo de cometer un erro.
- Non hai erros no tango - resposta o coronel - Sinxelo. Non é como na vida. No tango, se tropezas, érgueste e continúas co seguinte paso.

A escea pertence ao film Scent of a woman (Esencia de muller)

20/10/10

Xéneros textuais: o pobrepoint*

Entre todos os xéneros textuais que poidamos ter en conta á hora do ensino e da aprendizaxe da lecto-escrita, hai un que destaca e resulta prioritario. É un xénero relativamente novo e moi útil, especialmente para nós, mestres. Refírome ao pobrepoint* esa perigosa ferramenta.
As presentacións poden ser desde un magnífico recurso até un pesadelo para unha audiencia desprevenida. Todo depende do uso que lle deamos.
Velaí un dos máis famosos pobrepoints* que trata específicamente desta dualidade.
O alumnado de primaria e secundaria debe aprender a utilizar este xénero textual (ler e escribir, coma sempre). Quizais, para empezar, debemos nós ir revisando o asunto, non vos parece?

19/06/10

Deus escribe dereito con liñas tortas...

Desde a terraza da casa podo ver a Ría de Vigo, con Cangas e Moaña ao fondo, que se iluminan de cores e luces de artificio cando comeza o día de aninovo. E tamén podo ver as Illas Cíes, illas que forman parte Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Pero na miña visión directa das Cíes, onde a Larus michahellis ten a súa principal colonia, interponse, fachendosa, unha edificación na illa de Toralla froito da especulación inmobiliaria dos anos 60.
Desde sempre supuxo unha cicatriz na face da Ría. Sempre vin ese edificio como algo que distorsionaba o contorno. Pero ocorreu algo que cambiou esa visión miña: o asasinato do músico Lois Reigosa.
Desde entón, cando vexo para a bocana da Ría e cruzo a mirada co edificio de Toralla, imaxino un sorriso lembrando as pescudas do inspector Leo Caldas e do seu axudante Rafael Estévez para resolver o crime. Todo isto llo debo a Domingo Villar e ao seu libro Ollos de auga.
Ao final parece que, como lle dixeron ao tamén famoso detective literario galego Nivardo Castro en O misterio do barco perdido, "... Deus escribe dereito con liñas tortas."


Ollos de Auga, Domingo Villar. Editorial Galaxia, colección Literaria. 2005.