16/4/08

Club de lectura - 3

As reunións do club de lectores seguirán unha serie de normas establecidas polos integrantes do club:
- Os membros do club comprométense á lectura da obra escollida e a asistir ás reunións na data sinalada.
- En cada reunión, os membros do club ou o mediador establecerán o tramo de lectura para a seguinte cita. Se un membro decide avanzar máis rápido do marcado, comprométese a non adiantar esta información.
- Unha vez á semana, cada quince días ou ao mes, os lectores dun mesmo libro reuniranse para comentar o seu avance na obra ou a descuberta dos parágrafos que lle resultaron máis salientables, compartir os significados, as opinións sobre o lido, as emocións xurdidas, etc.

Todo o anterior responde a unha fórmula concreta e xa moi probada de club de lectores, pero nun centro educativo poderían poñerse en xogo outras fórmulas máis abertas: por exemplo, propoñer dende a biblioteca, e coa participación dos lectores que así o decidan, unha serie de títulos para ler ao longo dun período escolar, normalmente, un título por mes. Difundir a través de todos os medios (taboleiro, páxina web, panfletos, blogs persoais...) o “título do mes” e posibilitar do mesmo xeito que no caso anterior o acceso aos exemplares propostos. As persoas máis implicadas (equipo da biblioteca, persoa coordinadora, lectores máis interesados) motivarán comentarios sobre a obra lida nos espazos e tempos informais (cafetería, corredores, patio...), integrando no posible toda a comunidade escolar. Deste xeito, irase creando un ambiente proclive ao feito lector, polos elementos afectivos e de vínculo que se poñen en xogo. Simultaneamente, a biblioteca proporcionará soportes (impresos, electrónicos, radiofónicos...) para a comunicación de opinións, comentarios e recomendacións sobre os libros lidos. Esta forma aberta de club de lectores funciona nalgúns centros escolares con éxito (ver
http://www.alburquerque.net/ies/ ).

No hay comentarios: