19/6/10

Deus escribe dereito con liñas tortas...

Desde a terraza da casa podo ver a Ría de Vigo, con Cangas e Moaña ao fondo, que se iluminan de cores e luces de artificio cando comeza o día de aninovo. E tamén podo ver as Illas Cíes, illas que forman parte Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Pero na miña visión directa das Cíes, onde a Larus michahellis ten a súa principal colonia, interponse, fachendosa, unha edificación na illa de Toralla froito da especulación inmobiliaria dos anos 60.
Desde sempre supuxo unha cicatriz na face da Ría. Sempre vin ese edificio como algo que distorsionaba o contorno. Pero ocorreu algo que cambiou esa visión miña: o asasinato do músico Lois Reigosa.
Desde entón, cando vexo para a bocana da Ría e cruzo a mirada co edificio de Toralla, imaxino un sorriso lembrando as pescudas do inspector Leo Caldas e do seu axudante Rafael Estévez para resolver o crime. Todo isto llo debo a Domingo Villar e ao seu libro Ollos de auga.
Ao final parece que, como lle dixeron ao tamén famoso detective literario galego Nivardo Castro en O misterio do barco perdido, "... Deus escribe dereito con liñas tortas."


Ollos de Auga, Domingo Villar. Editorial Galaxia, colección Literaria. 2005.

2 comentarios:

Pacodíaz dijo...

Si señor, a boa literatura é quen de incorporar novas realidades á realidade, facéndoa máis interesante.
Grazas Luis pola túa entrada. Vexo que compartimos gustos literarios.
Por certo, aínda mellor a segunda - A praia dos afogados - que a primeira, non cres?

Luis dijo...

Pois si, a segunda incluso mellor. Un tratamento un pouco máis profundo dos personaxes, con espazos tamén moi coñecidos para min, que sempre fan máis interesante o narrado.
A ver a terceira, que promete. Un asasinato na universidade popular de Vigo...