21/2/11

20/2/11

A escribir apréndese... escribindo; e a bailar...


- Teño medo de cometer un erro.
- Non hai erros no tango - resposta o coronel - Sinxelo. Non é como na vida. No tango, se tropezas, érgueste e continúas co seguinte paso.

A escea pertence ao film Scent of a woman (Esencia de muller)

20/10/10

Xéneros textuais: o pobrepoint*

Entre todos os xéneros textuais que poidamos ter en conta á hora do ensino e da aprendizaxe da lecto-escrita, hai un que destaca e resulta prioritario. É un xénero relativamente novo e moi útil, especialmente para nós, mestres. Refírome ao pobrepoint* esa perigosa ferramenta.
As presentacións poden ser desde un magnífico recurso até un pesadelo para unha audiencia desprevenida. Todo depende do uso que lle deamos.
Velaí un dos máis famosos pobrepoints* que trata específicamente desta dualidade.
O alumnado de primaria e secundaria debe aprender a utilizar este xénero textual (ler e escribir, coma sempre). Quizais, para empezar, debemos nós ir revisando o asunto, non vos parece?

19/6/10

Deus escribe dereito con liñas tortas...

Desde a terraza da casa podo ver a Ría de Vigo, con Cangas e Moaña ao fondo, que se iluminan de cores e luces de artificio cando comeza o día de aninovo. E tamén podo ver as Illas Cíes, illas que forman parte Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Pero na miña visión directa das Cíes, onde a Larus michahellis ten a súa principal colonia, interponse, fachendosa, unha edificación na illa de Toralla froito da especulación inmobiliaria dos anos 60.
Desde sempre supuxo unha cicatriz na face da Ría. Sempre vin ese edificio como algo que distorsionaba o contorno. Pero ocorreu algo que cambiou esa visión miña: o asasinato do músico Lois Reigosa.
Desde entón, cando vexo para a bocana da Ría e cruzo a mirada co edificio de Toralla, imaxino un sorriso lembrando as pescudas do inspector Leo Caldas e do seu axudante Rafael Estévez para resolver o crime. Todo isto llo debo a Domingo Villar e ao seu libro Ollos de auga.
Ao final parece que, como lle dixeron ao tamén famoso detective literario galego Nivardo Castro en O misterio do barco perdido, "... Deus escribe dereito con liñas tortas."


Ollos de Auga, Domingo Villar. Editorial Galaxia, colección Literaria. 2005.

3/6/10


PREGUNTAS:

POR QUE OS LIBROS DE TÉCNICAS DE ESTUDO SON TAN COÑAZO?

POR QUE OS LIBROS PARA DESENVOLVER TÉCNICAS DE LECTURA RÁPIDA SON TAN ABURRIDOS?

Eu non coñezo a resposta a estas preguntas, non obstante ofrézovos un exemplo de libro do tipo "libros de autoaxuda" que ainda que ten bastante autopropaganda defende unha estratexia de organización de material para o recordo moi útil e moi lúdica OS MAPAS MENTAIS. o BO QUE TEN É A SÚA BREVIDADE E IMPACTO VISUAL. O TÍTULO do libro é "Como crear mapas mentales. El instrumento clave para desarrollar tus capacidades mentales que cambiará tu vida" , o autor é Tony Buzán e pódese descargar dende Sribd para a sua consulta.

En canto teña cinco minutos subirei un breve resumo que fixen para verdes a utilidade.

2/6/10

" TEMPO DE PRACER PARA A LECTURA, POR FAVOR "

Boas, con esta imaxe de Mafalda, reinvindico dende aquí o dereito a "ter un tempo para ler", pero un tempo no que poidamos dedicarllo á lectura polo pracer de ler e no que poidamos descubrir qué se esconde no libro que acabamos de coller nas nosas mans, no xornal que imos revisar... Pero que non sexa unha imposición de ninguén por favor!
Bea

20/5/10

Xéneros textuais: carta a un banco

Na procura da comprensión lectora existen algúns conceptos que poden resultar moi útiles. Un deles é o concepto de xénero discursivo. Todo profe coñece e utiliza - con maior ou menor frecuencia - algún destes xéneros para que o alumnado exercite a súa comprensión e mesmo practique a expresión escrita. Algúns xéneros poderiamos consideralos xa como clásicos na didáctica das linguas: a carta, o conto, unha receita de cociña, un lema... incluso hai moitos xéneros que adoitamos solicitar sen - as veces - ter ensinado a facer, tales como esquemas, resumos, cadros, sínteses... ou o máis habitual de todos os xéneros, e o que ten un significado máis difuso: o "traballo" sobre... A quen non vos teñen pedido: Faime un "traballo" sobre... un libro, un autor, un tema concreto, unha cuestión de actualidade, eu que sei, é un concepto amplo.

- Que demo é un traballo sobre...? En que consiste? Como se fai? Que apartados ten? Que extensión? En que centrar a atención? Non podemos entrar na wikipedia e colleitar un feixe de parágrafos chulos e adornalos cunhas ilustracións vistosas? Por que?

Traballei nun colexio no que o alumnado recollía receitas tradicionais do seu entorno e escolliamos a máis apetecible, e - o que é máis importante - despois preparabámola e degustabamos o resultado. Hai dous ou tres postres no meu persoal repertorio que aprendín froito daquelas experiencias.

E hoxe enviáronme esta carta. Unha carta para o banco.

Que achego como un bo exemplo. Ou como unha boa proposta para animar a escribir.

Moi señores meus: 


Pola presente lamento comunicarlles que teño decidido pagar un 5% menos no recibo mensual da hipoteca que teño co seu banco. Foi una decisión difícil pero éme imprescindible recortar gastos para salvar a miña economía particular e mesmo reducir o meu déficit. 


En situacións coma esta é cando todos debemos arrimar o ombreiro polo que lles pido comprensión e solidariedade. 
Eu, coma o resto de cidadáns, colaborei no seu día na inxección de liquidez que recibiron vostedes para salvar o sistema financieiro.


De feito, vinme forzado a tomar esta decisión porque os meus pais, ao ver o saldo da miña conta corrente, temen verse na obriga de deixarme cartos e vostedes, como banqueiros que son, saben mellor que ninguén que non ten senso algún poñer capital se non é para conseguir pingües beneficios. 



Iinformeime e sei que é lícito tomar este tipo de decisións de xeito unilateral e sen previa negociación (Hai precedentes; ver declaracións do Presidente do Goberno no parlamento o pasado 12 de maio). 


Aproveito a ocasión para comunicarlles que xa dispoño de suficientes tixolas e non preciso que me agasallen con ningunha máis. 



Atentamente, 


Un funcionario hipotecado.

Microrelato

Cando saíu, aquela rapaza aínda vivía
Versión dun relato de Natalia Franco

19/5/10

Obradoiro de escrita

Comeza o concurso!
Un grupo de profes escribirá nestes días entradas nesta bitácora. A temática - non podería ser outra - a aprendizaxe da lectura e a escrita. Este noso obradoiro de escrita traémolo aquí para experimentar con este xénero discursivo que son as entradas dun blog.
Agardamos por unhas magníficas entradas. Estade atentos e atentas. A ver que nos contan!